Elixe o teu idioma

martes, 2 de xuño de 2026

Celebración do Día do Medio Ambiente.

Hoxe venres, 5 de xuño, celebramos no noso  colexio o Día Mundial do Medio Ambiente co fin de concienciar á poboación de todos os problemas graves que afectan ao noso planeta, como a contaminación, o cambio climático e a perda de biodiversidade. Cómpre cambiar os hábitos de consumo e impulsar leis ecolóxicas  máis xustas que coiden do planeta,  do clima e de todos nós.

Na nosa aula, e coa finalidade de dar continuidade ao proxecto que estivemos desenvolvendo ao longo de todo o curso, "Clima san, vida sa", e xa para rematar o noso traballo, preparamos unha obriña de teatro titulada: "Clima en perigo". 

 Foi dramatizada  dentro da propia aula e posteriormente compartimos o texto con todos os nosos compañeiros e compañeiras do colexio en forma de audio, a través da nosa radio, "Zoadeira Radio". 💚💙

Esta peza teatral foi escrita por nós e está relacionada directamente coa temática do proxecto  de biblioteca que foi desenvolvido por todo  o colexio neste curso 2025/26: "Coida do clima, coida dos teus". Así, dun xeito lúdico, tratamos moitos  dos problemas que causa a contaminación, como poden  afectar á nosa saúde e cales poden ser algunhas das posibles solucións, sempre  coa mirada inxenua e unha perspectiva infantil, a nosa, a dos nenos e nenas de 4º curso de Educación Primaria.

*IA

luns, 1 de xuño de 2026

Lectura en familia con Angy

Angy, nai de Naia
O venres, 29 de maio, a piques xa de rematar este curso, desenvolveuse na nosa aula unha  das derradeiras  actividades de lectura en familia con Angy, nai de Naia.
Angy fixo unha lectura moi entretida do conto, "Papá Monstruo y el bosque de las emociones".
Esta historia narra as aventuras de Sami e o seu pai, Papá Monstruo. Xuntos fan unha viaxe por un bosque fantástico onde as paisaxes e as cores cambian segundo o que senten: enfado, tristeza, susto ou alegría. 
E todas as emocións son boas e necesarias. Non pasa nada por chorar ou sentir rabia, o importante é falar do que nos pasa e axudarnos uns aos outros.
Angy, queremos agradecer, de todo corazón, que viñeses pasar un anaquiño do teu tempo con nós e tamén che damos as grazas polos bonitos agasallos que nos trouxeches.👏👏

Moitas Grazas, Angy 
👏👏👏👭💛💚💙💜

luns, 11 de maio de 2026

Letras Galegas 2026

Con motivo da celebración do Día das Letras Galegas,  trataremos de dar a coñecer ao alumnado á escritora homenaxeada, Begoña Caamaño Rascado, con actividades de diversa índole.

Do mesmo xeito, aproveitamos  para  traballar, nesta semana, a outros escritores en lingua galega e con recoñecemento no Día das Letras, dende 1963. Entre eles, Rosalía, Curros Enríquez, Castelao, Luísa Villalta, Xela Arias, Eduardo Pondal ... o resultado final foi este orixinal mural dedicado ás nosas  Letras. 

 

TAfondamos na vida e obra da escritora Begoña Caamaño, a homenaxeada deste ano,  dun xeito  atractivo e lúdico, a través de diversos textos, xogos interactivos e con entrevistas realizadas a persoas que a coñeceron e tivemos a sorte de que colaboraran con nós, aportando información moi valiosa. Logo  algúns nenos e nenas participaron na gravación dun interesante podcast relacionado coa súa biografía e que compartimos con todos vós na nosa radio "ZoadeiraRadio".
Dexamos aquí o programa de radio completo no que colaboraron os nenos e nenas da clase de 4º curso, xunto con outros compañeiros e compañeiras do centro.👂

Continúa a semana e seguiremos festexando esta conmemoración que é tan nosa, con actividades diversas.
Feliz Día das Letras Galegas! 
Emocionados cantamos o Himno de Galicia.

martes, 5 de maio de 2026

Lectura en familia con Jesús.

Lectura en familia con Jesús

No día de hoxe, desenvolveuse na nosa aula unha nova actividade de lectura en familia. Contamos coa colaboración de Jesús, pai de Alexandre, que nos leu o libro titulado, "El Principito" de Antoine de Saint-Exupery.  Alexandre fixo unha garimosa presentación de seu pai  no que todos nos emocionamos un chisquiño.

O Principiño é un neno viaxeiro que vive nun planeta moi, moi pequeno, onde hai tres volcáns pequeniños e unha rosa á que coida moito.

Un día, decide viaxar polo espazo para descubrir o universo. Na súa viaxe, visita outros planetas e coñece a adultos moi raros: un rei que só quere mandar, un home que só conta cartos e un vanidoso que só quere que o aplaudan. Ningún deles sabe o que é xogar ou ser feliz.
Finalmente, chega á Terra e cae no deserto. Alí faise amigo dun aviador e dun raposo moi listo. O raposo ensínalle o segredo máis importante do mundo: as cousas máis bonitas da vida non se ven cos ollos, senón que se senten co corazón.
Ao final, o Principiño entende que a súa rosa é o que máis quere no mundo e decide volver ao seu planeta para seguir coidándoa. 
Escoitamos a Jesús con moita atención e a súa lectura ofrécenos unha fonda lección sobre o que realmente importa na vida.
Fainos reflexionar a todos sobre a necesidade de protexer a nosa capacidade de asombro e a nosa inocencia, fronte á tendencia dos adultos a darlle demasiada importancia ao material, ás aparencias e ás cifras.
 O máis bonito dunha persoa non é a súa roupa nin os seus xoguetes caros. O máis importante é o seu corazón, a súa bondade e como nos fai sentir. 
Somos responsables do que coidamos e domesticamos, o que nos obriga a manter un compromiso constante coas nosas amizades e seres queridos. 
O tempo que dedicas ás cousas e ás persoas  é o que lles dá valor e o que crea vínculos auténticos e nos fan sentir ese amor e cariño tan especial. 
Non o esquezas,  o realmente importante é invisible aos ollos. Debemos valorar sobre todo as boas relacións cos demais, os sentimentos que nos unen e os momentos que pasamos cos seres queridos, cos amigos e familia, por riba das posesións materiais sen mesura que en moitas ocasións son a causa de desavenencias e grandes conflitos.

Quen vive obsesionado con posuír as estrelas, non ten tempo para a amizade nin para gozar da vida.
Grazas, Jesús, por compartir o teu tempo con nós.
 👏👏👏