Hoxe venres, 5 de xuño, celebramos no noso colexio o Día Mundial do Medio Ambiente co fin de concienciar á poboación de todos os problemas graves que afectan ao noso planeta, como a contaminación, o cambio climático e a perda de biodiversidade. Cómpre cambiar os hábitos de consumo e impulsar leis ecolóxicas máis xustas que coiden do planeta, do clima e de todos nós.
Na nosa aula, e coa finalidade de dar continuidade ao proxecto que estivemos desenvolvendo ao longo de todo o curso, "Clima san, vida sa", e xa para rematar o noso traballo, preparamos unha obriña de teatro titulada: "Clima en perigo".
Foi dramatizada dentro da propia aula e posteriormente compartimos o texto con todos os nosos compañeiros e compañeiras do colexio en forma de audio, a través da nosa radio, "Zoadeira Radio". 💚💙
Esta peza teatral foi escrita por nós e está relacionada directamente coa temática do proxecto de biblioteca que foi desenvolvido por todo o colexio neste curso 2025/26: "Coida do clima, coida dos teus". Así, dun xeito lúdico, tratamos moitos dos problemas que causa a contaminación, como poden afectar á nosa saúde e cales poden ser algunhas das posibles solucións, sempre coa mirada inxenua e unha perspectiva infantil, a nosa, a dos nenos e nenas de 4º curso de Educación Primaria.
.jpg)
.png)


















