Elixe o teu idioma

martes, 5 de maio de 2026

Lectura en familia con Jesús.

Lectura en familia con Jesús

No día de hoxe, desenvolveuse na nosa aula unha nova actividade de lectura en familia. Contamos coa colaboración de Jesús, pai de Alexandre, que nos leu o libro titulado, "El Principito" de Antoine de Saint-Exupery.  Alexandre fixo unha garimosa presentación de seu pai  no que todos nos emocionamos un chisquiño.

O Principiño é un neno viaxeiro que vive nun planeta moi, moi pequeno, onde hai tres volcáns pequeniños e unha rosa á que coida moito.

Un día, decide viaxar polo espazo para descubrir o universo. Na súa viaxe, visita outros planetas e coñece a adultos moi raros: un rei que só quere mandar, un home que só conta cartos e un vanidoso que só quere que o aplaudan. Ningún deles sabe o que é xogar ou ser feliz.
Finalmente, chega á Terra e cae no deserto. Alí faise amigo dun aviador e dun raposo moi listo. O raposo ensínalle o segredo máis importante do mundo: as cousas máis bonitas da vida non se ven cos ollos, senón que se senten co corazón.
Ao final, o Principiño entende que a súa rosa é o que máis quere no mundo e decide volver ao seu planeta para seguir coidándoa. 
Escoitamos a Jesús con moita atención e a súa lectura ofrécenos unha fonda lección sobre o que realmente importa na vida.
Fainos reflexionar a todos sobre a necesidade de protexer a nosa capacidade de asombro e a nosa inocencia, fronte á tendencia dos adultos a darlle demasiada importancia ao material, ás aparencias e ás cifras.
 O máis bonito dunha persoa non é a súa roupa nin os seus xoguetes caros. O máis importante é o seu corazón, a súa bondade e como nos fai sentir. 
Somos responsables do que coidamos e domesticamos, o que nos obriga a manter un compromiso constante coas nosas amizades e seres queridos. 
O tempo que dedicas ás cousas e ás persoas  é o que lles dá valor e o que crea vínculos auténticos e nos fan sentir ese amor e cariño tan especial. 
Non o esquezas,  o realmente importante é invisible aos ollos. Debemos valorar sobre todo as boas relacións cos demais, os sentimentos que nos unen e os momentos que pasamos cos seres queridos, cos amigos e familia, por riba das posesións materiais sen mesura que en moitas ocasións son a causa de desavenencias e grandes conflitos.

Quen vive obsesionado con posuír as estrelas, non ten tempo para a amizade nin para gozar da vida.
Grazas, Jesús, por compartir o teu tempo con nós.
 👏👏👏