Soraya, nai de Gael
O xoves, 16 de abril, desenvolveuse na nosa aula unha nova actividade de lectura en familia. Soraya, nai de Gael, falounos de Francia, de París e de todos os símbolos que representan a esta nación.
A partir de agora, cando escoitemos falar do galo coa bandeira tricolor, dos croissants, a boina, a Torre Eiffel, a baguette... saberemos que estes son símbolos que representan a Francia. E de xeito lúdico, comezamos a sentir unha enorme curiosidade por coñecer a súa lingua, o francés, falada por máis de 300 millóns de persoas nos cinco continentes: Europa, África, América, Asia e Oceanía. É idioma oficial en 29 países, destacando Francia, Bélxica, Suíza, Luxemburgo, Mónaco e en moitos países do continente africano. Non imos esquecer que palabras que empregamos habitualmente na nosa vida diaria como gourmet, chef, carné, chalet, hotel, canapé, menú, chalet, chapeau, e moitas máis, proceden desa lingua tan fermosa. Con esta presentación facilitada por Soraya, resume parte da súa intervención.
Logo convidounos a participar na nosa primeira clase de francés, un idioma diferente ao noso, pero moi, moi bonito.
En pouco tempo xa fomos quen de levar unha pequena conversación e saíunos moi ben.
Despois escoitamos un conto, mellor dito, unha fábula titulada, "A cigarra e a formiga", cunha moralexa que nos pareceu moi apropiada: "Traballa sen descanso para conseguir os teus obxectivos e logo ser máis feliz" . Desfrutamos moito con esta historia na voz de Soraya.
Con esta actividade aprendemos moitas cousas de Francia e do francés e sentimos un enorme desexo de visitar este país, de coñecer a súa gastronomía, os seus costumes e por por suposto a súa lingua, o francés.
Grazas, Soraya, por regalarnos un pouco do teu tempo, tamén polos agasallos, por ese pan tan rico😋, a baguette, os croissants e por compartir con nós unha experiencia tan interesante e divertida. Moitas Grazas!












